Preguntas frecuentes

Neste apartado tentamos dar resposta a dúbidas que sabemos que son repetidas ano tras ano, que seguramente foron tratadas nalgún momento nas Asambleas pero que igual é bo explicar por se vos rondan pola cabeciña

Hai anos ANPA ACIO xestionaba o intercambio de libros de texto no colexio. No entanto, nos últimos cursos, a Xunta lanzou o programa de “Fondo Solidario de libros de texto” polo que o centro dispón dun número de libros de texto das diferentes materias que son asignadas a cada familia en función de distintas variables, tanto para Primaria como para E.S.O. Os libros do fondo non chegan para todas as familias, por iso o colexio, cada fin de curso, pide ás familias que tiveron que mercar un libro de texto propio, que o doe ao centro para poder alimentar o banco de libros. Deste xeito, grazas ás aportacións das familias, vaise nutrindo o Banco de libros no colexio e cada ano son máis as familias que reciben en préstamo os seus libros. Por iso ANPA ACIO deixou de organizar o Banco de libros, porque quen quere xa o cede directamente ao colexio.
Basicamente escollemos as actividades en base a tres criterios: intereses das familias, número de participantes que poden inscribirse e económico. Intereses das familias: Grazas a que os membros da Xunta Directiva temos representación en case todos os cursos, sempre temos os oídos ben abertos ante as inquedanzas que xurden nas aulas. Tamén as enquisas que vos facemos son fonte de inspiración á hora de escoller as actividades, así como as suxerencias que nos facedes por email. Nº de participantes/Económico: Hai moitas actividades das que nos suxerides que nos encantaría facer pero que o seu custo implicaría deixar de facer outras. Está moi relacionado co número de persoas que poden participar por actividade, sempre tentaremos facer actividades nas que poida participar o maior número de persoas posible. Pero ante eses tres criterios sempre vai primar que a actividade sexa participativa nais-pais cos nenos e nenas, así coma crear “familia” entre nós. Por iso sempre mantemos fixas as actividades da Romería e o Magosto, e unha participación activa no Entroido e Letras Galegas, con elas coñecémonos entre nós, pasamos xornadas moi agradables e mantemos as nosas tradicións. Tamén tentamos facer balanza e ofrecer actividades para desfrute dos máis pequechos como dos máis maiores. Para a E.S.O, tentamos organizar todos os anos alguna actividade de interese a desenvolver sen a participación das familias.
Si, é certo que todos pagamos unha cuota de festas e saídas, mais a nosa aportación ás festas, como poden ser os concertos que financiou nos últimos anos a ANPA no día das Letras Galegas é para facer aínda máis grande ese día. A festa a van a ter igual, mais cómo mola que veña Pesdelá a amenizala, non si? Do mesmo xeito, nos últimos anos a ANPA colaborou co centro para poder realizar actividades que doutro xeito non houbese sido posible financiar dende o colexio, xa sexa porque teñen un custo máis elevado que o presuposto que o cole ten para eles, ou que xurde nun momento a oportunidade de participar dunha idea non contemplada e que é unha mágoa deixala pasar (como foi o caso dos Obradoiros de Arquitectura Participativa ou a Escultura do Polbo con refugallo do mar). É certo que así se benefician tamén nenos e nenas que non son socios, pero coma xa votáchedes hai uns anos, á meirande parte das nosas socias están de acordó. Por unha banda porque non se podería optar a estas actividades sen o noso apoio económico e por outra porque algunhas das actividades propostas das que os nosos cativos sacan rendemento, son en horario lectivo. Si, hai familias non socias que se benefician. Esperamos que así se animen a colaborar con nós, máis senón o fan non pasa nada, o beneficio de facer esas actividades cooperativas é altísimo!
O noso colexio xestiona directamente as actividades extraescolares, nós non as podemos organizar. O que si facemos é trasladarlles as suxerencias que nos facedes e tentar compensar coas actividades puntuais que organizamos.
Tanto se acabas de chegar ao cole en 4º E.I, coma se acabas de aterrizar dende outro cole, seguro que tes moitas dúbidas e igual che dá un pouco de vergoña preguntar cousas que, ó mellor, para outros son obvias. Pois que non che dea! Aquí estamos para calqueira dúbida, ata a máis insignificante, que poidas ter. Podemos ofrecerche tamén a nosa opinión como nais e pais de nenas de distintos cursos. Se che apetece avísanos e pásate un venres polo comedor do cole e trasládanos todas as túas inquedanzas.
O servizo de autobús é certo que é bastante caro. Algúns anos se fixo unha comisión específica, coa colaboración do cole, pais e nais de rapaces e rapazas usuarias do transporte, e chegouse sempre á mesma conclusión: se non hai moitos máis usuarios do bus é imposible abaratar o transporte e crear novas liñas. Aparte do problema dos cartos, ao haber poucos usuarios, as rutas que fai o autobús son moi longas e hai rapaces que tardan bastante en chegar ás súas casas. Dende que temos dobre liña polo menos conseguíuse ampliar a dúas as rutas do autobús, síntoma de que pouco a pouco máis familias se animan a ser usuarias do mesmo, pero aínda non son suficientes como para que se poida abaratar o servizo. Sabemos que o cole segue a traballar para ofrecer un mellor e máis económico servizo de autobús, que ademáis axudaría a solucionar outro dos problemas do colexio, o aparcadoiro.
Todos os anos dende ANPA ACIO vimos reivindicando a través de sinaturas, reunións cos concellos, petición escritas aos mesmos, etc. a mellora dos accesos ao colexio. Sobre todo no tocante á regulación con sinais das rúas que dan entrada e saída ao colexio. Coma o noso cole pertence a Culleredo e o problema de tráfico é da Coruña, é moi complicado lograr avances neste sentido. Aínda así seguimos traballando para conseguir o noso obxectivo. Mentres tanto, pedimos a vosa colaboración para que non entredes pola rúa do British nas horas punta, e aconsellámosvos saír paralelos á pista deportiva, pois aínda que é maís traxecto sáese máis rápido que polo British. No tocante ao tema do aparcadoiro, liberouse bastante dende que podemos aparcar na leira de enfrente do colexio, aínda así pedímosvos que non aparquedes na liña amarela nen na rotonda pois bloquea o paso dos coches e provoca retencións.
Somos conscientes de que hai persoas que están sensibilizados con determinadas comidas do comedor. Estas sensibilidades veñen dende distintas perspectivas individuais: dende quen quere que se poñan máis patacas fritidas no comedor, pasando por quen non quere productos ecolóxicos, pero tamén a quen lle gustaría que todo fose ecolóxico, quen cree que os rapaces non comen e que se tira moita comida, quen non quere Kombú coas lentellas, quen bota de menos máis guisos tradicionáis, etc. E todo isto acompañado de distintas intolerancias e alerxias dos rapaces e rapazas. O certo e que hai moitas sensibilidades con respecto ao comedor, mais o sentir da maioría é que é un bo comedor. Que é variado e equilibrado e que está acorde coas recomendacións dunha alimentación saudable. Neste aspecto comentarvos que os membros da Xunta Directiva imos almorzar con certa frecuencia ao colexio e miramos como funciona o servizo (isto non o facemos só co comedor senón co funcionamiento do cole en xeral), e o que vos podemos dicir é que, excepto casos contados, os nenos comen moi ben no comedor e que non se desperdicia comida (mais que a lóxica de ofrecer un servizo de comidas). Si que é certo que algún prato en particular non foi ben aceptado polas nenas e xa foi eliminado do menú. Aproveitamos para comentar a suxerencia dalgunha familia respecto a que se puidese doar ou levar para casa os restos da comida: a lexislación non o permite.
Os almorzos no colexio son aportacións voluntarias das familias para o consumo en común da clase. As titoras xestionan o reparto dos almorzos. Que unha nena leve algo non significa que o vaia a repartir el ou ela, nin que vaia ser ese día o que se coma. O habitual é que cando as titoras ven que os almorzos escasean xa avisan ás familias. Do mesmo xeito que se teñen demasiado dalgún produto determinado tamén nos avisan. Ao final cada clase vai facendo unha autoxestión dos almorzos que é parte do fermoso desta iniciativa: compartir de xeito desinteresado e voluntario. Como é voluntario non nos parece moi oportuno escoitar segundo que opinións sobre o que levan os demais. Cada un leva o que mellor lle parece, xa están as titoras para lograr un equilibrio entre todo o que haxa na aula. Do mesmo xeito, lembrade que no cole se come moi temprano, a porción de almorzo que van comer é ínfima.
A experiencia de varios anos na ANPA nos di que ás Asambleas non vai nin o 10% das asociadas, non obstante, si que vos gusta o trato directo con nós nos corredores, falando nas “piedritas”, en cumpreanos, na Romería…ou a través do enderezo electrónico. Entón para que facer máis asambleas? De tódolos xeitos xa sabedes que podedes concertar cita con nós para os venres ás 15.00
    • Por que non poñemos a alguén no cole que coide dos cativos os días dos exámenes da LOMCE e así non teñan que facelos?
    • Por que non poñedes a unha persoa que coide dos nenos cando facedes unha actividade para os pais e nais?
    • En definitiva, por qué non nos axudades a conciliar?
Por un lado a LOMCE establece que é obrigatorio que se un neno está nas instalacións do centro os días das probas da avaliación da LOMCE, acuda ao exame. De feito a Xunta fai moito fincapé nese aspecto, polo que nós non podemos poñer persoal dentro do colexio para este fin. E facelo fóra do colexio implicaría un custo e unha loxística que non podemos asumir (non vale calquera para coidar das nenas, hai que aseguralos, non temos un espazo físico fóra do cole…) O sentimos moito pero nos resulta imposible ofertalo. No tocante a quedarse coas cativas os días de actividades para nais e pais depende moitísimo do horario e lugar no que se desenvolva a actividade, se o custo da actividade permite financiar tamén a alguén que coide dos rapaces e rapazas…por iso as veces ofrecemos este servizo e outras veces non.