O noso grao de area.

Boa tarde familias!

Que alegría volver a contactar con vós. Esperamos que esteades todos ben na casa,
levando o mellor posible esta situación tan extraña que nos tocou vivir.
Tal e como puidéchedes ver nas últimas circulares do cole, levamos tempo en
conversas coa dirección do colexio coa intención, canto menos de apoiar ao
profesorado, ao equipo directivo, PAS, e en definitiva a toda a Comunidade Educativa;
así coma de ofrecer a nosa axuda en calqueira cousa na que poidamos botar unha
man.

Neses videoencontros, nos que tamén participaban os representantes das nais e pais
do Consello Escolar, o representante da Cooperativa e o equipo de dirección do
centro; trasladouse a situación na que se atopa o colexio dende varios puntos de vista,
pola situación provocada en maior medida polo peche acontecido tras a pandemia da
Covid.


Pola súa parte, o cal é moi de agradecer, abriron as portas da súa “casa” todavía máis
do que xa estaban, co fin de que todos puidésemos entender mellor e coñecer dende
dentro o funcionamento do centro, dende o punto de vista pedagóxico, oganizativo e
tamén económico. Dese modo decatámonos do insuficiente que resulta o que aporta a
Xunta polo concerto educativo, sobre todo para un plantexamento dun centro como é o
noso. Comprobamos a enxeñería que fan para poder distribuir cada unha das tarifas
que pagamos para intentar asumir todos os costes do centro, cun ÚNICO FIN
COLECTIVO que é o Proxecto Educativo de Andaina; e como aínda así, moitas veces,
non é suficiente.


Despois deste peche de 4 meses, é moi doado de entender que a situación foi
complexa; aínda así, transmitíronnos a súa posivitividade, que están con forzas, e que
gracias a que tanto nós coma asociación, coma moitísimas mostras de apoio que
están a recibir por parte de todas as familias, de aquí sairemos todos máis
fortalecidos. Todos creemos que a nosa comunidade é moi valiosa e moi colaborativa,
xa o demostramos acompañando aos nosos nenos e nenas no seu paso polas
distintas etapas; e agora sabemos e estamos convencidos tamén de que coa axuda de
todas e todos atoparemos a mellor forma de encarar ese novo curso 2020/2021, que
canto menos vai ser distinto ao que estábamos acostumados.
Así xurdiu a idea de crear distintas comisións de traballo, para que sexa máis doado
de organizar e de canalizar a participación e aportación de ideas das familias ante esta
nova realidade educativa. Esperamos continuar recibindo as vosas propostas; non só
a nivel económico, tamén fan falla ideas xeniales, e sabemos que están agochadas en
moitas das vosas cabeciñas….
As familias que xa vos puxéchedes en contacto con nós para aportar ideas,
comentarvos que todas elas as faremos chegar ás distintas comisións, e tamén
aproveitamos para agradecer a vosa implicación.
Pero á marxe de continuar traballando xunto co colexio, dende a Xunta Directiva
querémosvos facer a seguinte proposta:
Neste curso 2019-2020 que estamos a piques de rematar, soamente nos deu tempo a
facer as actividades do primeiro trimestre e algunha do segundo, polo que quedaron
pospostas nun principio, e agora anuladas todas elas. Esas actividades eran as que
implicaban un aporte económico, pola nosa parte, bastante elevado.
Este feito, ademáis de que este ano contamos cos ingresos das dúas subvencións que
nos concederon o Concello e a Deputación no curso pasado; permítenos certo
desafogo para encarar o curso que ven; tendo en conta os fondos actuais da ANPA.


Asemade, é moi posible que o primeiro trimestre do curso que ven, sexa moi difícil
realizar actividades colectivas; é por iso que, dende a Xunta Directiva parécenos que
poderíamos facer unha aportación económica ao centro, e que poidan dispor dende
xa desa axuda e o empreguen para solventar parte das obras que tiñan previstas facer
para ampliar o espazo de xardín, que tanta falla nos fará nesta nova etapa que vai a
comezar.


Gustaríanos que fose o máximo posible, sen que supoña un problema para nós coma
asociación nos vindeiros meses. Despois de darlle moitas voltas, cremos que un 70%
dos fondos é a proposta que nos gustaría trasladarlles. Máis como estamos a falar de
cantidades elevadas e os cartos son de todos os socios e socias, e nós coma Xunta
Directiva simplemente os xestionamos o mellor que sabemos, queremos sometelo á
vosa votación.


Ao voso correo chegaravos un enlace para participar na enquisa, estará aberta ata o martes 2 de xuño, xa que canto antes o sepamos, antes se poderá empezar a traballar nas propostas de cara o curso próximo.
Sabemos que esta aportación non vai a ser a solución para todos os cambios que
probablemente traia o vindeiro curso, pero sí aportará un graíño de area para poder
levar a cabo esas actuacións de mellora do espazo exterior, sempre tan necesario
pero nesta situación moito máis, que o mellor se non, terían que quedar en pausa.
Esta aportación non nos vai a quitar tampouco de facer actividades de cara ao vindeiro
curso, pois son os cartos que íamos a empregar nas actividades que non se puideron
levar a cabo, e sabemos que todas e todos nós seguiremos o curso que ven na
asociación.
Moitas grazas!!!!
O mércores comunicaremos o resultado da decisión de todas as familias socias!
Unha aperta,

Asemblea Xeral Ordinaria

Ola  familias!

Como xa sabedes, o vindeiro venres 25  de outubro terá lugar a Asemblea Anual de Socias, que se celebrará ás 16:15 na aula de 6º E.P. Terá unha duración estimada  de unha hora e cuarto.

Se queredes que se trate algún tema en particular, ou tedes alguna dúbida sobre algún tema en concreto, agradeceriamos que nolo enviasedes a anpacio@gmail.com.

Na seguinte ligazón podedes atopar a memoria do curso 2018-2019

Asemade, recordámosvos, que se queredes, ese día podedes facer uso do servizo de merendiñas avisando en secretaría como moi tarde o mércores 23 e asumindo vós o custo da merenda. Estarán acompañados por persoal do colexio ata que remate a asemblea. No caso de que quedasen a merendiñas no comedor xa os levarían directamente á biblioteca despois da merenda. Ademais deberedes indicar se queredes que os e as vosas peques queden despois da merenda na biblioteca, de xeito que  estarán acompañados por persoal do colexio ata ás 17:30.

Non será preciso votar para as candidaturas, xa que só se presentou unha.
Vémonos na asemblea!

Asemblea xeral!

Boa tarde familias,

O vindeiro venres 25 de outubro terá lugar a Asemblea Anual de Soci@s ás 16.15. Uns días antes da Asamblea enviarémosvos un correo recordatorio da mesma.
Este ano haberá votación para elección de Xunta Directiva. As candidaturas que se queiran presentar deberán enviar un correo electrónico ao enderezo anpacio@gmail.com antes do día 20 de outubro. Unha vez recibidas as candidaturas enviarémosvos outro correo electrónico para que poidades ver as distintas opcións que se presentan.
Cada candidatura terá que estar composta por un mínimo de 7 socios, sinalando quén ocuparía os cargos de: Presidente, Vicepresidente, Secretario, Tesoureiro e Vogais. É recomendable incluir na mesma unha pequena presentación para que o resto dos asociados vos coñezan.

A orde do día será a seguinte:

1-Lectura e aprobación da acta anterior. Estudo e aprobación se procede.
2-Presentación da memoria 2018-2019. Estudo e aprobación se procede.
3-Balance económico 2018-2019. Estudo e aprobación se procede.
4-Orzamentos 2019-2020. Estudo e aprobación se procede.
5-Actividades previstas 2019-2020. Estudo e aprobación se procede.
6-Solicitude de Subvencións. Estudo e aprobación se procede.
7-Presentación candidaturas da Nova Xunta Directiva. Votación, reconto e anuncio do resultado.
8-Rogos e preguntas

Asemblea!

Ola familias.

O vindeiro venres 30 de novembro terá lugar a Asemblea Anual de Socias. Celebrarase ás 16:15 na aula de 4 de E.P., terá unha duración estimada máxima de unha hora e media.

A orde do día é a seguinte:

  1. Lectura e aprobación da acta anterior. Estudo e aprobación se procede.
  2. Presentación da memoria 2017-2018. Estudo e aprobación se procede.
  3. Balance económico 2017-2018. Estudo e aprobación se procede.
  4. Orzamentos 2018-2019. Estudo e aprobación se procede.
  5. Actividades previstas 2018-2019. Estudo e aprobación se procede.
  6. Presentación da páxina web www.anpacio.org
  7. Cuestións de interés xeral.
  8. Rogos e preguntas.

Se queredes que se trate algún tema en particular, ou tedes algunha dúbida sobre algún tema en concreto agradeceríamos que nola enviasedes a anpacio@gmail.com

Asemade, recordámosvos que se deixades os nenos en merendiñas ese día poderán quedar na biblioteca, onde estarán acompañados polo persoal do colexio ata que remate a asemblea. Lembrámosvos que no caso de que quedasen a merendiñas no comedor, o custo é 2.5€, xa os levarían directamente á biblioteca despois da merenda. A hora límite para quedar os nenos e nenas na biblioteca é as 17:30.

Para facer uso deste servizo teredes que apuntar aos nenos e nenas en secretaría como moi tarde o mércores día 28

Vémonos!