Obradoiro primeiros auxilios

Bo día familias,
Despois duns meses caladiños, que non quietos 😉, arrancamos coa Escola de Nais e Pais organizando un Obradoiro de Primeiros Auxilios e RCP en colaboración coa Asociación Galega de Técnicos en Emerxencias Sanitarias -ASGATE-, coa intención de obter ou refrescar os coñecementos elementais para actuar en situacións de emerxencia.
Data:        14 de febreiro.
Hora:       16:30h.
Duración: 2 horas.
Lugar:      Instalacións cedidas polo colexio Andaina.
Prezo:     Actividade de balde.

Se queres inscribirte, só tes que cubrir este formulario. Xa que se trata dunha actividade de caracter gratuíto, coma sempre, terán prioridade as persoas socias da ANPA ACIO. No caso de que se supere o aforo permitido, realizarase un segundo obradoiro para as persoas que quedaron fóra.

Unha vez enviado o formulario, xa quedas anotado, non recibirás máis confirmación por mail. Só nos poñeremos en contacto coas personas que queden fóra no caso de superarse o aforo.
O formulario quedará aberto ata o mércores 12 de febreiro.

Un saúdo,

ANPA ACIO

Chega o entroido!!!

Bo día familias,

Como ven sendo tradición polo Entroido, as nais e pais máis marchosos gostamos de facer unha actuación para as nosas crianzas. Algo que nin pequenos nin maiores esquecemos. Así que vos convidamos a pasalo ben creando, ensaiando e actuando para as persoas máis queridas do cole.
Se isto vai contigo e queres colaborar, manda un mail esta semana a anpacio@anpacio.org, indicando o teu nome, número de móvil (dando consentimento para meterte nun grupo de whatsapp so empregado para o entroido), o nome das túas crianzas e o nome  da aula a que pertencen.

Veña, anímate a pasalo ben con nos!

Unha aperta,
ANPA ACIO

Asemblea Xeral Ordinaria

Ola  familias!

Como xa sabedes, o vindeiro venres 25  de outubro terá lugar a Asemblea Anual de Socias, que se celebrará ás 16:15 na aula de 6º E.P. Terá unha duración estimada  de unha hora e cuarto.

Se queredes que se trate algún tema en particular, ou tedes alguna dúbida sobre algún tema en concreto, agradeceriamos que nolo enviasedes a anpacio@gmail.com.

Na seguinte ligazón podedes atopar a memoria do curso 2018-2019

Asemade, recordámosvos, que se queredes, ese día podedes facer uso do servizo de merendiñas avisando en secretaría como moi tarde o mércores 23 e asumindo vós o custo da merenda. Estarán acompañados por persoal do colexio ata que remate a asemblea. No caso de que quedasen a merendiñas no comedor xa os levarían directamente á biblioteca despois da merenda. Ademais deberedes indicar se queredes que os e as vosas peques queden despois da merenda na biblioteca, de xeito que  estarán acompañados por persoal do colexio ata ás 17:30.

Non será preciso votar para as candidaturas, xa que só se presentou unha.
Vémonos na asemblea!

Asemblea xeral!

Boa tarde familias,

O vindeiro venres 25 de outubro terá lugar a Asemblea Anual de Soci@s ás 16.15. Uns días antes da Asamblea enviarémosvos un correo recordatorio da mesma.
Este ano haberá votación para elección de Xunta Directiva. As candidaturas que se queiran presentar deberán enviar un correo electrónico ao enderezo anpacio@gmail.com antes do día 20 de outubro. Unha vez recibidas as candidaturas enviarémosvos outro correo electrónico para que poidades ver as distintas opcións que se presentan.
Cada candidatura terá que estar composta por un mínimo de 7 socios, sinalando quén ocuparía os cargos de: Presidente, Vicepresidente, Secretario, Tesoureiro e Vogais. É recomendable incluir na mesma unha pequena presentación para que o resto dos asociados vos coñezan.

A orde do día será a seguinte:

1-Lectura e aprobación da acta anterior. Estudo e aprobación se procede.
2-Presentación da memoria 2018-2019. Estudo e aprobación se procede.
3-Balance económico 2018-2019. Estudo e aprobación se procede.
4-Orzamentos 2019-2020. Estudo e aprobación se procede.
5-Actividades previstas 2019-2020. Estudo e aprobación se procede.
6-Solicitude de Subvencións. Estudo e aprobación se procede.
7-Presentación candidaturas da Nova Xunta Directiva. Votación, reconto e anuncio do resultado.
8-Rogos e preguntas